Multiplicar a loita de clases desde abaixo

Por Óscar Lomba Álvarez *

A situación non está nada clara. É mellor non soñar con quimeras e por iso debemos estar espertos e ser conscientes de que hai fascinacións enganosas, espellismos proxectados mediaticamente e utilizados de xeito trapalleiro por algúns dirixentes políticos para o seu propio beneficio persoal.

O tempo pasa axiña, demasiado rápido e por iso o presente non existe. Estamos mergullados nun vórtice que nos forza ao conformismo, que nos obriga a defender pequenas conquistas que non satisfán as grandes aspiracións que sempre defendemos desde a esquerda consecuente. E ese conformismo, esa miserable resignación, ese achandarse ás migallas, ás minucias só pode combaterse co anticonformismo militante, cunha visión realista e poliédrica do mundo, pero sen renunciar á utopía. En todo caso non podemos conformarnos e encaixarnos en minúsculos avances, a leis progresistas que en futuras lexislaturas son desmontadas e ese aparente paso adiante de hoxe, podería converterse mañá en cinco pasos atrás. Ese conformismo é responsable de moitos dos males e problemas do noso país.

E non me refiro simplemente á necesidade de aguantar os embates da ultradereita e a dereita extrema, a présa por ser capaces de atravesar campos minados, terreos pantanosos e camiños retortos e enguedellados, pero igualmente distantes da radical transformación da sociedade á que algúns aspiramos. Non se trata de apoiar a partidos utópicos ou movementos revolucionarios que defenden formulacións que ninguén entende ou imposibles de materializar no mundo real, do que se trata é de non cinguirse a obxectivos estreitos e de curto percorrido. O curtopracismo táctico e o oportunismo estratéxico non deben gobernar os movementos da agulla do compás que guíe o traxecto que debemos seguir.

O goberno de coalición que sostén a Pedro Sánchez conseguiu algúns avances innegables, pero tamén cometeu moitos erros e tivo actuacións erráticas tanto en política económica como en política exterior. A amálgama de partidos políticos e organizacións nacionalistas que fixeron posible o goberno de coalición teñen moitísimas diferenzas políticas e ideolóxicas e tamén intereses dispares, pero hai algo que lles une de maneira forzosa, e iso é facer todo o posible para evitar que gobernen PP e Vox.

PSOE, Unidas Podemos, nacionalistas cataláns, vascos e galegos e outros organizacións conformaron unha alianza simbiótica que fixo posible a aprobación de determinadas leis progresistas que doutra maneira non terían saído adiante, porén, vexo case imposible que esa alianza que facilitou a investidura de Pedro Sánchez e que sostivo o goberno de coalición poida xerar unha alternativa electoral unitaria ou unha fronte ampla… e malia todo Sumar non parece o único camiño ou o máis acertado para alcanzar un acordo entre forzas políticas tan dispares. 

Sumar é unha aposta persoalísima de Yolanda Díaz que pretende ocupar un espazo de centro progresista, moito máis parecido ao PSOE que a Podemos. A súa folla de roteiro e a súa liña político-ideolóxica lémbrame á do Partido Democrático da Esquerda na Italia de Achille Occhetto que conduciu ao histórico PCI a un fracaso clamoroso. Toda a liña de “compatibilidades” levadas adiante desde 1976 ata hoxe produciu un revés detrás do outro do que pagaron o prezo máis alto as posicións máis radicais. A desfeita política levou á desconexión de calquera base social rupturista. O enraizamento en lugares significativos de pertenza de clase converteuse nun recordo, nun pensamento nostálxico, e ese camiño cara á socialdemocracia e o centro político empuxou aos sectores máis consecuentes a impulsar Rifondazione Comunista, con todo o resultado final destes vaivéns non supuxo un avance da clase traballadora italiana nin unha mellora nas condicións de vida da maioría social.

Creo que é necesario construír unha fronte ampla, pero as candidaturas e o liderado do proceso non poden ser cociñados por acordos cupulares das direccións dunha constelación de partidos. Todo o proceso de construción dunha verdadeira alternativa popular require unha mestura de humildade e ambición, unha “lenta impaciencia”. De feito, fai falta comezar desde os cimentos, desde as propias bases e reconstruír o proceso de alfabetización política, construír identidades fundadas sobre a etimoloxía da transformación. Definiría este axuste como unha reformulación, unha superación do vello, rancio e inservible, pero unha recuperación, ao mesmo tempo, das mellores tradicións e experiencias do movemento obreiro cando se pretendía a construción de “institucións” propias e autónomas. Opino que estamos chamados a afrontar unha dura fase de reconstrución da esquerda e do pensamento transformador. 

A aparición de experiencias municipalistas impulsadas polos propios veciños á marxe dos partidos tradicionais é un exemplo do camiño para seguir, aínda que parcialmente, porque esa vontade de superación de vellos dogmatismos e sectarismos non pode quedar soamente en experimentos de plataformas cidadás e candidaturas municipalistas. É necesaria unha reapropiación de espazos non só para superar a crise de identidade da esquerda ou reafirmar a primacía das relacións sociais sobre a privatización, senón tamén para reformular o tema da axuda mutua, da autoxestión, dunha perspectiva política e económica “fóra do mercado”, capaz de contrapoñerse ao capitalismo moderno. É necesario construír novas subxectividades á altura dos tempos futuros. A aparición de PODEMOS e as novas subxectividades non se deron en termos nostálxicos e de consolación, ou simplemente confirmando as certezas do pasado, senón só operando coa realidade actual e inseríndose no tempo presente. A futura esquerda que virá, só poderá xurdir ou agromar dunha lenta e significativa acumulación de experiencias como estas ou semellantes.

É necesario frear á ultradereita e reagrupar á esquerda social e política que continúa moi fragmentada. Porén, hai que ser moi coidadosos coa forma de artellar calquera alternativa política que pretende disputar o poder a organizacións de dereita perfectamente estruturadas e con sólidos apoios económicos e mediáticos. E desde logo que a construción de calquera fronte ampla ou candidatura de unidade popular non pode fabricarse á marxe da xente, non pode edificarse sobre pés de barro. Para erixir unha verdadeira fronte ampla é preciso erguela coa participación de amplos sectores sociais, coa intervención de homes e mulleres traballadoras, coa participación de activistas, de militantes dos partidos e tamén dos sindicatos, ecoloxistas, feministas, …, pero ademais debemos aprender dos erros do pasado. 

Aínda teño presente o espírito inicial do Novo Proxecto Común (NPC) liderado en Galicia por Xosé Manuel Beiras e o nacemento prematuro de Anova tras aquela convulsa Asemblea Nacional Constituínte en Compostela. Daquela o nacemento acelerado de AGE (Alternativa Galega de Esquerda) que aspiraba a ser a Syriza galega. É probable que se producise un efecto distorsionador pola prematura, pero forzada pola convocatoria electoral, posta en práctica do que acabou por ser AGE poucos días despois de nacer Anova. O éxito de AGE converteuse nun problema para Anova. Agora ben, as dinámicas internas subseguintes non poden explicarse só nesa clave, senón na incapacidade colectiva para desactivar os focos de tensión/confrontación que se retroalimentaron reciprocamente, a militancia das organizacións impulsoras non foi capaz de investir toda a súa enerxía na posta en práctica da filosofía e a metodoloxía xenuína fundacional de Anova, e foron incapaces de poñer a organización a traballar como unha ferramenta no seo da sociedade civil.

Con todo sospeito que SUMAR non vai supoñer un avance se non se articula un procedemento de decisión colectiva que favoreza a celebración de primarias abertas á cidadanía.  A existencia de diferentes sensibilidades na esquerda, non debe levar sempre á ‘tribalización’. É positiva a discrepancia e o debate de ideas, é necesaria a confrontación de distintas visións do mundo, porén debemos evitar a fragmentación e a aparición dun mosaico de seitas, porque ese foi historicamente o maior problema da esquerda, que no canto de traballar para os cidadáns esmagados e machucados, dedicouse a malgastar esforzos en guerras orgánicas interminables.

Estou convencido de que o esquema tradicional segundo o cal antes é a reconstrución dun nodo político-ideolóxico e despois este ciméntase coas loitas populares non nos fai dar grandes pasos cara a adiante. O que nos interesa en cambio é abrir novos espazos ás diversas formas de politización, hoxe necesariamente híbridas, ás veces ambiguas ou con percorridos aparentemente contraditorios.

Por iso entendo que deberiamos tomar outro camiño. Sumar pode ser o inicio dun experimento de acción colectiva, pero é posible que a présa non nos axuden a facer ben as cousas.

Queremos de todos os xeitos organizar a resistencia e deter o avance da ultradereita e a dereita extrema, porén para alcanzar ese obxectivo non nos serve unha abstracta fronte de partidos, con frecuencia demasiado limitada ás burocracias dirixentes, senón unha práctica política ampliada, coalicións múltiples, foros sociais e temáticos, asembleas cidadás e veciñais, a acción en rede, as primarias abertas á cidadanía, os mecanismo de decisión colectiva e os movementos de masas radicalmente democráticos seguen sendo valiosos activos sempre que se crucen en contidos e programas compartidos. Hoxe sen ningunha dúbida fai falta unha gran mobilización colectiva contra a onda reaccionaria que pretende recortar dereitos e avances sociais.  Sumar non é suficiente, é necesario multiplicar a loita de clases desde abaixo.

(Este texto pretende responder o artigo de Santiago Alba Rico titulado: Sumar, el único camino, publicado en Público o pasado 27 de marzo de 2023)

* Óscar Lomba Álvarez é licenciado en dereito e diplomado en maxisterio. Membro da Comisión de Garantías Democráticas de Podemos Galicia.  

Deja un comentario