Abramos fenda no poder mediático

Existe un poder mediático cuxa capacidade de influencia e penetración ideolóxica é enorme. Os grandes medios de comunicación constrúen o pensamento colectivo e inflúen de maneira determinante na conformación das ideas, o pensamento ideolóxico e a visión política da maioría da poboación. Os medios de comunicación convertéronse en actores políticos e económicos cruciais das democracias contemporáneas. O seu poder reside na súa capacidade para influír no poder: o poder dos gobernos, xuíces e lexisladores; o poder da política; o poder de decisión da cidadanía. Os medios de comunicación están controlados por grandes corporacións económicas e están a desenvolver unha batalla cultural incesante. Eses medios de manipulación de masas teñen o poder de constituír, destituír ou instituír. E isto é así porque os medios non teñen «transparencia». O seu poder reside na representación e expresión dos intereses corporativos de grandes conglomerados empresariais aos que pertencen. Por iso, máis que informar, fan lobby para os seus propios negocios; máis que exercer activamente a liberdade de prensa, defenden a liberdade de empresa e os intereses das elites que os controlan. Dificilmente podemos vencer nunha batalla tan desigual. 

En España a manipulación mediática é evidente. Se observamos o panorama dos grandes medios de comunicación privados podemos concluír que Mediaset e Atresmedia conforman un duopolio que concentra máis do 55 por cento da audiencia e máis dun 90 por cento da publicidade comercial. No que respecta ao mercado gráfico tamén se percibe un alto grao de concentración nuns poucos conglomerados. Entre eles, o grupo Planeta (a maior editorial en español do mundo), Vocento que ten 14 diarios e o grupo PRISA, que publica, entre outros, El País, un diario sobre o que nos últimos tempos acumúlanse tamén denuncias sobre un polémico estilo no manexo informativo. 

Porén, a Corporación de Radio e Televisión Española (RTVE) e Radio Televisión de Galicia (RTVG) tampouco escapan a esa estratexia de intoxicación desinformativa e manipulación mediática. 

Existen medios alternativos como Canal Red e outros pequenos medios, pero de momento a súa capacidade de influencia é moi limitada. Con todo estimo que é fundamental desenvolver estratexias comunicativas alternativas, que cren fendas nos grandes «aparellos de manipulación de masas» controlados actualmente polas clases dirixentes.

Deja un comentario