Dereito a vivenda e sindicato de inquilinas Vigo -Tui -Baixo Miño

el

Existe morea de normas e leis que inclúen o dereito á vivenda como un dereito que debe ser protexido: a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (artigo 25.1), o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais das Nacións Unidas (artigo 11.1), a Carta Social Europea Revisada (artigo 31), a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE (artigo 34.3) ou a Constitución Española de 1978 (artigo 47), porén, a vivenda considérase un ben de consumo e investimento máis que un dereito humano.

Tanto en Vigo como na súa área metropolitana os prezos do alugueiro alcanzaron máximos históricos. En 2023 o prezo dos alugueiros situouse en 9,4 euros por metro cadrado en Vigo, apreciándose un incremento anual do 4,8%, mentres que na Comunidade Autónoma de Galicia a subida foi de 2,8 % no primeiro trimestre do 2023. Isto, sumado aos baixos salarios medios da poboación (case o 50% da poboación viguesa cobra menos de 1.000€), provoca unha auténtica situación de emerxencia para quen non temos unha vivenda en propiedade. A elevada demanda, a escaseza e a carestía da oferta, así como as garantías que se esixen fan que atopar un alugueiro sexa cada vez máis difícil. E tamén resulta moi difícil seguir pagando un alugueiro: cada vez dedicámoslle unha maior porcentaxe do noso salario, mentres os prezos non deixan de subir. Ademais hai outros efectos indirectos: a expulsión das veciñanzas tradicionais cara á periferia, o elevado número de desafiuzamentos por falta de pagamento da renda e a exclusión do mercado do alugueiro dos sectores máis desfavorecidos, que vense empuxados cara a solucións habitacionais non formais.

As causas deste fenómeno son estruturais. O Estado profundou a súa intención liberalizadora e flexibilizadora nas últimas modificacións normativas (desafiuzamento express en 2008, reforma da Lei de Arrendamentos Urbanos en 2013…) e priorizouse a vivenda libre e a compravenda fronte ao alugueiro, faltan políticas destinadas a facilitar o alugueiro (axudas sociais, vivenda social) e, en definitiva, a propiedade privada e o libre mercado prevalecen sobre os dereitos das inquilinas.

Pero ademais destas causas estruturais, existen outras, conxunturais, que levaron á conformación dunha segunda burbulla inmobiliaria. Pola súa crecente rendibilidade, o mercado do alugueiro converteuse na nova aposta do maltreito sector inmobiliario e pretende erixirse nun novo motor de crecemento da economía española. Ademais, a proliferación de alugueiros turísticos a través de plataformas mal chamadas “colaborativas” como Airbnb ocasiona incrementos no prezo das vivendas, cuxos propietarios prefiren alugar durante períodos máis curtos a un prezo máis caro. Deste xeito, o dereito á vivenda queda subordinado fronte ao beneficio dos fondos voitre, fondos de investimento, bancos, empresas, promotores e especuladores.

A nova lei ten aspectos positivos como a contención dos prezos do alugueiro, o aumento do prazo de suspensión dos desafiuzamentos, ou a protección e incremento do parque público de vivendas, entre outros; pero aínda non resolve todas as cuestións necesarias para o cumprimento deste dereito en España.

Ante esta situación, dixemos basta e decidimos autoorganizarnos para dar unha resposta colectiva. Reivindicando a fecunda tradición das loitas polo alugueiro a principios do século XX e as actuais loitas de afectadas pola hipoteca e polo dereito á cidade, decidimos crear un Sindicato de Inquilinas e Inquilinos. Hoxe, aquí, comezamos o proceso de construción dunha ferramenta coa que loitar polos nosos dereitos: os dereitos do inquilinato. O pasado ensínanos que só a través da loita, a organización e o apoio mutuo é posible reverter o enorme desequilibrio de poder que hai entre inquilinato e propietarios. Estamos convencidas de que este Sindicato é o contrapeso a ese desequilibrio de poder.

Por todo isto, facemos un chamamento e un convite a todas as persoas de Vigo, Tui, Baixo Miño e toda a área metropolitana de Vigo e arredores para que se incorporen a este camiño cara á creación dun poderoso Sindicato de Inquilinas: para poder vivir nos nosos barrios con garantías e dereitos, para demostrar unha vez máis que a unión fai a forza.

As nosas demandas

* Estabilidade do alugueiro.

* Regulación dos prezos.

* Fin dos desafiuzamentos.

* Mobilización das vivendas baleiras.

* Aumento do parque de vivenda pública en réxime de alugueiro.

* Eliminación do réxime especial tributario das SOCIMI (Sociedades Anónimas Cotizadas de Investimento Inmobiliario), que tributan ao 0 % no imposto de Sociedades. 

* Gastos derivados do alugueiro asumidos polo arrendador e terminar cos abusos dos intermediarios.

* Erradicación da pobreza enerxética.

* Limitación das vivendas de uso turístico.

* Que a banca asuma a subida do Euribor para terminar coa estafa inmobiliaria. 

* Loita polo dereito á vivenda.

Únete ao Sindicato de Inquilinas. Contacta connosco:

Envía un correo electrónico a: sindicatoinquilinas.vigo@gmail.com

Deja un comentario