
* Óscar Lomba Álvarez
O mito da construción europea como espazo político democrático e soberano, garante de dereitos económicos e políticos para a maioría social, para os pobos e persoas que a conforman, está actualmente en dúbida, pola sanguenta realidade de que a Unión Europea é cada vez máis un espazo económico e monetario onde as empresas transnacionais campan ás súas anchas, o que impide unha verdadeira Europa social onde se protexan os dereitos dos traballadores/as e os segmentos da poboación máis vulnerables.
O predominio do neoliberalismo durante trinta anos chegou aos seus límites a principios do século XXI e conduciu a unha crise financeira e económica mundial. É a primeira vez que unha crise financeira e económica coincide cunha crise social, ambiental e climática. As dimensións das deformacións sociais causante das sucesivas crises, dos crecentes abismos sociais, da fame e da pobreza, xa se perciben hoxe en día en todos os países de Europa.
Debemos reivindicar outro xeito de construír Europa. Unha Europa democrática e dos pobos que controle os mercados financeiros. Unha Europa que sexa valente, que incremente a aplicación da taxa Tobin, que peche os paraísos fiscais, que prohiba os derivados e os fondos de alto risco, que grave con máis impostos os beneficios de accionistas de grandes consorcios que obteñen beneficios xigantescos, unha europea que aprobe novos programas intervencionistas que impulsen unha socialización progresiva da economía con medidas conxunturais e estruturais que corrixan as deficiencias do mercado, cunha lexislación supranacional que deslexitime a hexemonización de toda a organización social pola lóxica do mercado.
Para facer fronte á crecente concentración da riqueza, para parar o cambio climático ou frear o aumento da incerteza económica, é necesario deseñar políticas supranacionais que consigan limitar a marxe de manobra dos axentes do mercado, reimpulsar unha axenda de dereitos humanos universais e protexer os servizos públicos no conxunto de Europa como a sanidade e a educación. Porén, para liderar respostas efectivas a estes retos, debemos reinventarnos, promovendo sectores públicos máis transparentes, participativos e democráticos; desenvolvendo novas propostas de política industrial; explorando novas opcións de política fiscal. Na Unión é necesario implantar unha renda europea básica universal ou unha maior redistribución do capital; poñendo máis acento na regulación do sector privado en numerosas áreas desde as finanzas á saúde; buscando novas formas de incorporar aos migrantes na actividade económica europea; e vinculando de forma máis activa os movementos sociais ás políticas europeas. Se non o facemos, veremos como o fascismo conseguirá incrementar a súa presenza no conxunto do continente.
A actual oligarquía europea desenvolveu mecanismos que, na defensa da competitividade, garanten a acumulación de enormes beneficios que son rendibilizados e acumulados pola banca, os fondos de pensións, os fondo voitre e as empresas oligopólicas e transnacionais.
No plano político, a Unión Europea arrastra tamén severos déficits no recoñecemento da diversidade plurinacional nos distintos Estados que a conforman. Nacións sen Estado que non atopan mecanismos de participación na definición de políticas que as implican directamente e que afectan a sectores estratéxicos das súas economías, atópanse indefensas e os seus intereses vitais son utilizados como moeda de cambio na negociacións dos gobernos dos estados, que se desenvolven nos organismos da Unión Europea.
Moitas rexións periféricas, pero con sectores económicos primarios puxantes, son un claro exemplo desta realidade, xa que ao longo dos anos viron como eses sectores básicos das súas economías foron esfarelados e desmontados como consecuencia desas políticas da Unión Europea.
O obxectivo do pleno emprego, aínda que asumido teoricamente pola UE, está cada vez máis lonxe. As políticas de desregulación do mercado de traballo teñen serias consecuencias na elevación da taxa de desemprego e no incremento da precariedade laboral. Fronte a esa situación, as políticas de emprego da Unión Europea deben desenvolver mecanismos de inspección e control do mercado de traballo e unha estrita supervisión da lexislación laboral que poida ser lesiva para a maioría social.
Debemos repensar Europa e constituír outra Europa.
* Óscar Lomba Álvarez é Coordinador de Diem25 Galicia