
Unha morea de persoas, entre as que me atopo, non nos damos por satisfeitos coa resposta da cidadanía viguesa que, até o momento non se mobilizou de xeito masivo. As mobilizacións desenvolvidas en solidariedade co pobo Palestino na contorna de Vigo no están tendo a dimensión necesaria. Entendemos imprescindíbel a implicación dun xeito transversal, unitario e sen protagonismo ningún de persoas ou organizacións concretas.
Achamos necesario que todas as forzas políticas, sindicatos, asociacións cívicas, veciñais, culturais, colectivos sociais de todo tipo e persoas individuais organicen conxuntamente unha grande mobilización na nosa cidade ante a insoportábel, gravísima e interminábel situación que está a suceder en Palestina.
Unha bisbarra que sempre se mobilizou dun xeito solidario e xeneroso cando a gravidade das circunstancias o precisaron (Non á Guerra, Prestige/Nunca Máis, Crise de Refuxiados…) ten que manifestarse dun xeito multitudinario na defensa dos dereitos máis básicos que se están a vulnerar en Gaza e Cisxordania.
Para mostrar está necesidade iniciamos a recollida de sinaturas directamente ou a través de Change.org para sensibilizar ás devanditas organizacións na necesidade das súas implicacións. Solicitámos o voso apoio asinando e difundindo o seguinte manifesto:
MANIFESTO VIGO CON PALESTINA PARAR A BARBARIE
O criminal asedio sobre a poboación de Gaza e a devastadora invasión do seu territorio está ocasionando unha indescritible matanza e un sufrimento de dimensións inimaxinables .
Superadas xa as 30.000 persoas falecidas, en boa parte menores, ducias de milleiros de feridas e desaparecidas, destrucións de vivendas, infraestruturas e hospitais provocando dous millóns de desprazadas así o evidencian.
Manter á poboación sen, luz, auga, combustible e alimentos é un crime de lesa humanidade que viola a Convención de Xenebra e a Carta dos Dereitos Humanos.
Non hai xeito de xustificar o xenocidio que practica o Estado de Israel contra o pobo palestino. Estes feitos son a antítese dunha argumentada “Lexítima Defensa”.
Israel non ten dereito a ocupar Palestina nin a decimar á súa poboación. Debemos deter esta atrocidade que incrementa o risco de escalada militar na rexión e pon en perigo a paz. Defender hoxe ó pobo palestino é defender a paz e a liberdade en todo o mundo.
A nosa obriga e apoiar a xusta causa do pobo palestino pola súa libre determinación, incluíndo o dereito a un Estado Palestino tal e como recoñece Nacións Unidas. Apoiamos a iniciativa de Sudáfrica ao respecto de que a Corte Penal Internacional se pronuncie sobre si as accións que o estado de Israel perpetúa contra o pobo palestino están a provocar un xenocidio e conforman un réxime de apartheid.
Así mesmo, apoiamos a suspensión do comercio de armas con Israel. Urxe un alto o fogo, que Israel deteña o seu criminal asedio, cumprindo co dereito internacional e habilite eficaces corredores humanitarios.
ASINADO:
COMISIÓN CIDADÁ PRO MANIFESTACIÓN UNITARIA EN VIGO EN SOLIDARIEDADE CO POBO PALESTINO – PAREMOS A BARBARIE
ENTRA EN CHANGE.ORG E APOIA A MOBILIZACIÓN EN SOLIDARIEDADE CO POBO PALESTINO:
PULSA AQUÍ: Paremos a barbarie – Vigo con Palestina. Chamamento para a mobilización cidadá
