Vigo e o urbanismo cálido

Opino que habitamos unha cidade mercantilizada na que os usos do espazo público privatizáronse, resultando nunha paisaxe urbana que non reflicte a esencia ni as necesidades reais dos seus habitantes. Porén, entendo que Vigo debería impulsar outro tipo de urbanismo que tivese en conta outros usos do espazo público e que nacese dun xeito menos impositivo, permitindo así que a cidadanía poida expresarse e participar activamente no deseño do seu entorno.

Estimo que resulta urxente artellar outro xeito de construirmos a nosa cidade que estea máis atenta ao benestar de todas e todos, promovendo un ambiente no que todas as persoas se sintan valoradas e cuxas voces sexan escoitadas. O desenvolvemento urbano de Vigo debería ser menos indiferente á vontade colectiva, incorporando non só novas perspectivas dos planificadores urbanos, senón tamén as experiencias reais e as arelas da cidadanía en relación co lugar que habitan. Debería ser un urbanismo cálido, no que cada recanto da cidade convide á convivencia e á participación. Humanizar non debería consistir en ateigar a cidade de lousas e baldosas por todos os recunchos, senón crear espazos que fomenten a interacción social e a conexión entre as veciñas e veciños. Debemos ser conscientes de que toda formulación urbana afecta ao noso quefacer cotiá e, por iso, é fundamental que estas decisións se tomen de xeito inclusivo e democrático.

Resulta importante pór en marcha e desenvolver proxectos que se fagan desde a cidadanía aínda que sen descartar a colaboración das administracións públicas e que poñan en xogo outras perspectivas como son os sentimentos cidadáns, o coidado do espazo e o seu relato nas prácticas domésticas de cada vigués e viguesa, favorecendo así un sentido de pertenza e identidade colectiva. Os recursos dos que dispomos non son só materiais e económicos, senón que tamén existen outros capitais como son o afectivo, o da saúde ou o da sostibilidade, que deben ser considerados como fundamentais para un desenvolvemento urbano integral.

Acho que é necesario transformar os espazos públicos, reactivar os terreos e espazos baleiros, incrementar a mobilidade, ampliar a cultura colaborativa, mellorar a salubridade de determinadas áreas periféricas, potenciar a economía responsábel ou a educación ambiental, creando así un entorno que promova a igualdade e a equidade social. Todas as persoas de Vigo deberían ter dereito á cidade sen discriminacións de ningún tipo, xa que a diversidade e a inclusión son esenciais para a riqueza do tecido social.

Sería fundamental preservar a memoria histórica de Vigo e a súa identidade cultural, asegurando que as novas intervencións urbanas non esquezan o pasado que construíu o presente. Vigo abrangue un espazo colectivo culturalmente rico e diversificado, posto que pertence a todos os seus habitantes, e é esencial valorar esta pluralidade. Todos os vigueses e viguesas teñen dereito a participar na propiedade do territorio urbano, xa que os espazos e bens públicos e privados da urbe deben utilizarse dando prioridade ao interese social, cultural e ambiental. Vigo debe ser un ámbito de realización de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais, garantindo que o acceso á cidade e aos seus recursos sexa democrático e equitativo e respectando a dignidade de cada individuo, porén debería recoñecerse unha protección especial a grupos e persoas en situación vulnerábel, que con frecuencia son os máis desfavorecidos desta dinámica mercantilizada.

Debería impulsarse unha economía circular, consciente, solidaria e responsábel que fomente a cooperación e a xustiza social en lugar de preocuparse só polo beneficio económico. O Concello de Vigo debería adoptar medidas efectivas para lograr de xeito progresivo a plena efectividade dos dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais de toda a cidadanía viguesa, promovendo un espazo onde cada un poida desenvolverse plenamente. E para logralo non chega con ornamentos nin con decorados de cartón pedra, senón que é preciso un compromiso real coas súas necesidades.

Non se trata de ornamentar para ocultar a cidade real, senón de transformar profundamente as súas estruturas. A fría pedra non pode paliar a angustia dos miles de parados e paradas que esperan unha axuda de emerxencia, senón que é necesario artellar políticas que realmente aborden estas problemáticas. Vigo necesita un urbanismo máis humano, máis cálido, que lle devolva á cidade a súa dimensión social e comunitaria, onde a vida urbana sexa unha celebración da diversidade e da solidariedade.

Deja un comentario