
En Europa asistimos á normalización dos discursos de odio, á criminalización da protesta social e ao impulso do plan de rearmamento Europa 2030 (Plan Readiness 2030) que pretende destinar recursos públicos masivos á industria militar mentres se desmantelan dereitos sociais conquistados durante décadas de loita obreira. Constrúese así unha economía e un réxime de guerra permanente que converte o medo en ferramenta de goberno e que prepara ás sociedades para aceptar sacrificios en nome dunha seguridade abstracta. Esta deriva non pode entenderse sen o papel hexemónico de Estados Unidos e a súa estratexia histórica de proxección imperial, baseada na subordinación de rexións enteiras mediante sancións, aranceis, bloqueos, bases militases e cambios de goberno forzados.
O imperialismo estadounidense desenvolveu unha acción sistemática orientada a preservar a hexemonía do dólar, o acceso privilexiado a recursos estratéxicos e o aliñamento xeopolítico dos seus socios. Neste marco, as agresións imperialistas contra Venezuela —particularmente os secuestros de Nicolás Maduro e Cilia Flores como símbolos da soberanía desafecta á órbita de Washington— responden a unha lóxica de castigo exemplarizante, co propósito de desalentar calquera proxecto político autónomo na rexión. Do mesmo xeito, o ataque masivo contra Irán e o asasinato de figuras como Ali Jamenei evidencian o sistemático desprezo da legalidade internacional cando esta entra en conflito cos intereses estratéxicos de Estados Unidos.
En Palestina contemplamos unha das fascianas máis descarnadas desta orde imperial. O sionismo como proxecto colonial consolidou un réxime de ocupación, apartheid e limpeza étnica que expulsa, fragmenta e deshumaniza ao pobo palestino. O xenocidio en curso non pode disociarse do apoio financeiro, diplomático e militar de Washington e da complicidade activa ou pasiva da Unión Europea. O chamado Plan de Paz de Donald Trump non é senón a institucionalización da anexión e a lexitimación do xenocidio baixo unha retórica enganosa que pretendía converter a rendición en acordo e a dominación en estabilidade. Non hai paz posíbel cando se nega o dereito ao retorno, á autodeterminación e á soberanía dun pobo.
A expansión da OTAN cara ao leste, as guerras por delegación, as sancións económicas que asfixian poboacións civís e a financiarización extrema da economía mundial configuran un sistema que necesita a guerra como válvula de escape ás súas propias contradicións. Cando as taxas de beneficio van minguando e a desigualdade alcanza niveis obscenos, o capital busca novos espazos de acumulación mediante a privatización de bens comúns, a mercantilización da vida e a apropiación violenta dos territorios e dos recursos. O fascismo contemporáneo emerxe entón como garante político dese proceso, disciplinando ás clases traballadoras e canalizando a frustración social contra chibos expiatorios en lugar de contra as estruturas que producen a precariedade.
Fronte a este panorama, a mobilización en Vigo non é un xesto simbólico senón un acto de responsabilidade histórica. Defender a paz implica cuestionar o armazón económico e militar que a fai imposíbel. Defender a democracia esixe denunciar tanto ás forzas reaccionarias que avanzan en Europa como ao imperialismo que as alimenta directa ou indirectamente. Defender Palestina é defender o principio de que ningún pobo pode ser sacrificado no altar da xeopolítica. Defender a soberanía de Venezuela e Irán é afirmar que o dereito internacional non pode ser selectivo nin estar subordinado á forza.
Hoxe máis que nunca é necesario artellar unha alianza ampla, plural e consciente de que as loitas locais están inseridas nunha dinámica global de poder e acumulación. Só desde a solidariedade internacionalista e desde a construción de alternativas económicas centradas na vida e non no beneficio poderemos frear a espiral de barbarie que se nos presenta como inevitábel. Vigo ten memoria de resistencia e ten a responsabilidade de situarse ao carón dos pobos que loitan pola súa dignidade. Vémonos nas rúas.
Por todo o anterior, mañá martes 3 de marzo, ás 19:30 h, estamos convocadas todas e todos na Vía Norte, á altura da confluencia coa rúa Urzaiz, para participar na manifestación «Vigo pola Paz e a Democracia». Xuntémonos para reivindicar a soberanía dos pobos, os dereitos humanos e dicer non ao fascismo. A túa presenza é fundamental!




