Barrio do Cura hoxe

el

Por un urbanismo ao servizo da maioría social

O Barrio do Cura debería ser un exemplo de como recuperar un espazo histórico sen sacrificar a súa identidade, a súa escala urbana nin a relación privilexiada coa ría. Porén, a actuación que se está executando formula unha pregunta importante sobre o modelo de cidade que estamos construíndo en Vigo.

Nun enclave de enorme valor paisaxístico e urbano, a intervención introduce unha importante concentración edificatoria que transforma profundamente a percepción do lugar. O risco é evidente. Que a rexeneración dun barrio histórico acabe converténdose, fundamentalmente, nunha operación inmobiliaria de gran intensidade.

Vigo xa coñece demasiado ben os efectos dun modelo baseado na ocupación intensiva do territorio, na densificación sen suficiente retorno social e na progresiva privatización do espazo e valor urbano. Cada metro cadrado construído nun lugar como este ten consecuencias sobre as vistas, a luz, a escala, o espazo público e a relación da cidade coa Ría de Vigo.

A cuestión non debería ser simplemente cantas vivendas se constrúen nin canto investimento privado se mobiliza. Debería ser para quen se transforma a cidade, quen se beneficia desa transformación e que queda para a cidadanía.

Desde unha perspectiva verdadeiramente democrática, a recuperación do Barrio do Cura debería poñer no centro a vivenda a prezos alcanzábeis, o espazo público, a memoria urbana, a integración do barrio no tecido existente e o dereito colectivo a gozar dun dos lugares máis singulares de Vigo.

Porque rexenerar non significa substituír. E modernizar non debería significar borrar a identidade dun lugar.

O que vemos desde o Paseo de Alfonso XII debería facernos reflexionar sobre algo moito máis profundo. Non estamos simplemente perante dunha obra. Estamos diante dunha determinada idea de cidade.

Unha cidade pensada para ser vivida ou unha cidade pensada para ser mercantilizada. En OLA defendemos un Vigo no que o urbanismo estea ao servizo das persoas e non no que as persoas teñan que adaptarse ás necesidades do mercado inmobiliario. Vigo non necesita máis cemento para demostrar que progresa. Necesita máis cidade, máis dereito á cidade e máis democracia sobre o seu territorio.

Deja un comentario